Novas

A Rede de Pobos do Surf chega a Ferrolterra

O pasado ano 2022 a Mancomunidade de concellos da comarca de Ferrol encabezaba un novo proxecto xunto aos municipios de Carballo (Galicia), Castrillón (Asturias), Ribamontán al Mar (Cantabria) e Getxo (Euskadi), para traballar conxuntamente no desenvolvemento dunha estratexia turística común, baseada nun dos elementos diferenciadores máis importantes destes territorios: o surf.

Deste xeito, presentaban o proxecto da Rede de Pobos do Surf á primeira convocatoria do programa de axudas Experiencias Turismo España, promovida pola Secretaría de Turismo do Estado. A finais de maio do ano 2023 resolvíase favorablemente a concesión desta axuda para creación, desenvolvemento e posta en marcha da Rede de Pobos do Surf como un produto turístico común no que traballar de forma colaborativa dende estes municipios.

En setembro deste mesmo ano, ábrese a segunda convocatoria de solicitudes do programa Experiencias Turismo España, na que Rede de Pobos do Surf volve a presentar unha nova proposta; nesta ocasión únese ao proxecto o municipio de Sopela (Euskadi).

A Rede de Pobos do Surf supón un proxecto colaborativo entre diferentes pobos costeiros do territorio peninsular para o desenvolvemento dun produto turístico surf de calidade, vinculado ao extraordinario patrimonio material e inmaterial destes territorios. O traballo da Rede basearase no desenvolvemento local dos municipios a partir duns principios básicos tales como a implicación da poboación local, o aproveitamento responsable e sostible dos recursos, a eficiencia e a sensibilización social, como claves para retribuír positivamente ao territorio.

Acerca do autor

Entradas relacionadas